Galiza, ano 2098
Os coches non voan
A xente non se teletrasporta
Os seres humanos non están clonados
As profecías non se cumpriron
Agás a que se refire ao galego
lunes, 12 de octubre de 2009
Galicia, ano 2098. Só queda un galegofalante no mundo. Vasme deixar morrer aquí?
viernes, 12 de junio de 2009
A volta da Inquisición a Galicia, por Manuel Rivas
Despois dunha tempada de descuberta da rede de gabinetes clandestinos e agochos con salas cibernéticas e xardinciños zen onde celebraba os seus aquelarres a Antiga Coalición (Ano IV, after Fraga e before Feijóo), a nova Xunta emprendeu unha nova fase de exploracións que deu lugar a outra xeira de insólitos achados: os fatídicos BB ou buracos bipartitos.
Non eran nin un nin dous. Galicia enteira era unha peneira. Sen ser advertidos nin sequera polos máis aleutos, durante a Antiga Coalición os galegos estabamos en terra perigosa e minada, desprazándonos sen sabelo por un país furado de arriba abaixo.. Segundo nos ilustra cada día o mando do OFG (Observatorio de Furados Galegos), estes buracos bipartitos teñen unha feitura especial que os asemella aos chamados buracos negros do Universo. Non é casual que un dos seus principais estudosos, o célebre científico Stephen Hawking, pasara por Galicia xusto pouco antes de producirse a caída da Antiga Coalición.
A descrición que fai Hawking de como se forma un buraco negro corresponde con absoluta precisión ao sucedido na recente historia política de Galicia. En primeiro lugar, prodúcese pola perda dunha xigante vermella (estrela de gran masa), coa progresiva extinción da súa enerxía. A continuación, e resumindo a Hawking, o antigo astro, e por mor da forza gravitatoria, deriva nunha masa de pequeno volume (a chamada anana branca) que é a que provoca, no seu colapso por auto atracción, o buraco negro. Como quen di, unha escuridade que mesmo apreixa a súa propia luz.
Mais unha cousa é que a caída dunha estrela electoral provoque un buraco negro ou dous na galaxia política e outra moi diferente é esta orxía de buracos. Cada día que pasa, o Observatorio de Furados infórmannos de achados de buracos supermasivos no hiperespazo galego. Na primeira versión, a que subliñan os informativos, como é lóxico, o Buraco do Día acada dimensións inmensurábeis.
-Este si que é un buraco, señores, e non o do rei Cintolo!
Mais ao día seguinte, o Gran Buraco desaparece. E aí é onde entra a segunda parte deste asunto astrofísico. Os chamados buracos brancos. Este tipo de buracos son aqueles que non existen aínda que puideran existir. Ou sexa, un buraco branco é unha hipótese de buraco. Esa é a marabillosa avantaxe da política de furados. Un día hai buraco e ao seguinte, non. E O Buraqueiro sempre pode dicir: "Os buracos non existen, mais habelos hainos".
Así que o novo Goberno segue felizmente hiperactivo. O que teñen os buracos é que poden converterse tamén nun vicio. Ademais de querer atopalos un pode levarse do entusiasmo de facer buracos. Tristes buracos. "Obscenos buracos", que dicía Jean-Paul Sartre. O máis grande buraco negro é o que os reaccionarios queren facer coa lingua galega.
Despois do esperpento do documental das Vacas tolas, reconvertidas pola TVG en extras de Clint Eastwood, un dos exemplos máis escandalosos é o que vén de suceder na Radio Galega con Xurxo Souto e o seu programa Aberto por reformas. Aproveitando o cambio político, prescíndese del e, ao tempo, baleirase de sentido un programa esencial, o único que se dedicaba en exclusiva a difundir a música emerxente galega.
Quen non quere a Xurxo Souto? Dende logo non pode non querelo quen o coñeza. Á parte de amizade, falo aquí do "querer" como sinónimo de "pór en valor". Souto foi o alma mater de Os Diplomáticos de Monte Alto e o maxín que fixo levedar o movemento bravú, ese vento de música moza, desacomplexada, rebuldeira, que se ergueu en aldeas, vilas e barrios urbanos, que rachou fronteiras e tópicos ao berro tan rosaliano de "ghaiteiro!". Souto foi tamén quen escribiu os mellores libros sobre ese tempo onde se relata a redescuberta xuvenil dos espazos vizosos da cultura popular. O campo da festa ás tabernas, do futbolín á selección galega. Fixo renacer mitos esquecidos como Pucho Boedo, Alexandro Fisterra ou Urbano Lugrís. Mostra da súa profesionalidade no eido da televisión foi o seu traballo na mellor época de Luar e documentais imprescindíbeis como o que relata a vida do líder de Os Tamara. Na prensa, as súas inesquecíbeis páxinas dominicais da cultura popular en La Opinión. Na radio, fixo d'A tropa da tralla (Radio Coruña) un dos referentes na historia radiofónica galega. E cando se incorporou á Radio Galega, hai catro anos, creou, entre outras cousas, un programa que era tamén o habitat máis agardado. Un lugar para a música máis nova. Algo que incribelmente non existía na radio pública que isto ten por mandato: "A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega" (Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG).
Con Aberto por reformas, Xurxo Souto fixo un programa legal en todos os sentidos. Tamén no coloquial que lle dá a xente nova. Algo do que fiarse. Algo que paga a pena. Reconciliou a música e os músicos do país co medio que os tiña marxinados. Viñeron as eleccións, houbo o cambio político, e expulsaron a Xurxo. De cesante. Como fixeron con Curros noutro século, non por ser mal xornalista senón por ir ás ceibas. En vez de facerlle sitio, fixéronlle un buraco. Unha represalia contra un universo cultural. Un home expulsado por ter talento. Unha subtracción que nos fan. Mentres escribo este artigo, chegan noticias de que a Comisión Episcopal da Fe vai condenar a obra de Andrés Torres Queiruga, o noso máis grande teólogo xunto con Chao Rego. Neste flashback reaccionario, anda a Inquisición á caza de Prisciliano.
Hai en Galicia unha música emerxente extraordinaria. Unha auténtica enxurrada creativa. Agroma e fertiliza malia estas adversidades que veñen dos que máis deberían crear condicións para espallarse como voz da cultura e consolidar unha industria. Velaí temos, só por citar algúns, Lamatumbá, Som do Galpom (Qué disco Em terra de ninguém!), Zënzar (Que disco A tribu!), as coruñesas de Chámalle Xis ou Cho toco eu ou a rapeira viguesa Aid.
Disque hai un buraco por galego. Mais a xente moza, a que respira a liberdade, a que non acepta a nova "doma e castración", non acepta meterse nos buracos prefabricados. Ducias de grupos, asociacións culturais, e centos de artistas e músicos veñen de promover un Manifesto Básico pola Defensa da RTVG: Contra a censura e a marxinación da música galega. A páxina web Komunikando.net é un bo lugar de visita para informarse desta iniciativa e, ao tempo, pórse ao día cos abrollos máis novos da música feita en Galicia. Como na canción de Zënzar, que canta Bocixa: "Non falamos por falar / o noso pensamento non o van gobernar".
lunes, 6 de abril de 2009
viernes, 20 de febrero de 2009
Emprega ben as tùas màns
Contra a bofetada
contra o cachete
contra os puños
contra a violència
contra o maltrato
contra o uso de armas
contra as discusións
contra o insulto
contra o menosprezo.
Alza as tùas màns contra o castigo corporal e empregaas para
querer,
acariciar,
achegar,
agarimar,
acompañar,
axudar,
cubrir,
dar de comer,
educar,
enredar o cabelo,
ensinar,
facer còxegas
levar pola rùa,
peitear,
protexer,
sinalar,
vestir,
xogar.....
Tes tantas cousas bonitas que facer con elas, asì que non as gastes en outras peores
miércoles, 18 de febrero de 2009
sábado, 7 de febrero de 2009
Breve Análise da Crise Económica
Se en xaneiro de 2005 ti invertiras 1.000 euros en accións de Nortel Networks, un dos xigantes do sector das telecomunicacions, hoxe terías ¡59 euros!
Se en xaneiro de 2005 ti invertiras 1.000 euros en accións de Lucent Technologies, outro xigante do sector das telecomunicacions, hoxe terías ¡79 euros!
Agora ben: Se en xaneiro de 2005 ti gastaras 1.000 euros en Estrella Galicia (en cerveza, non en accións) e ti beberas todo, e vendido soamente as latas valeiras, ¡hoy
xe terías 80 euros!
Conclusión: no escenário económico actual, perdes menos cartos esperando sentado e bebendo cerveza todo o día...
Pero é importante recordar que ademáis quen bebe,
- Vive menos triste.
- Menos deprimido.
- Menos tenso.
- Menos pelexado coa vida.
Pensa nilo, e despois...
1º. Se vas a conducir...................non bebas.
2º. Se vas a beber,.......................¡chámanos!
3º. Se non nos chamas........................po lo menos ENVÍADENOLOS VIDROS VALÉIROS!!!
Moita sorte e animo para saíres adiante, camaradas.
PD. Amigo Duende, cando queiras facemos o punto nuemro 2. Saúdos
miércoles, 26 de noviembre de 2008
A INFAMIA DE FRANCO E OS FALANXISTAS
INFAMIA
VERGOÑA
MENTALIDADE APODRECIDA
RABIA
ESTUPOR
PENA
IRA
Hai xa varios días que ando a voltas con este artigo que lin na Voz:
"O pasado martes, Baltasar Garzón inhibíase da causa ao franquismo. Pero o seu auto contiña o estremecedor relato dos nenos roubados aos vermellos polo franquismo. En España houbo un plan sistemático de subtracción de nenos, fillos de nais republicanas (mortas, presas, executadas, exiliadas ou simplemente desaparecidas) entre 1937 e 1950, desenvolvido baixo cobertura legal, ao contrario do que sucedeu en Arxentina entre 1976 e 1983.
O xuíz pide que se investiguen eses delitos, que non estarían prescritos nin amnistiados por ser crimes contra a humanidade de carácter permanente.
Era un os últimos enigmas da ditadura, descoñecido aínda por moitos españois, a pesar de que dous libros o contaron minuciosamente no 2002, Os nenos perdidos do franquismo, de Ricard Vinyes, Montse Armengou e Ricard Belis -xurdido dun documental emitido pola televisión catalá- e Irredentas. As presas políticas e os seus fillos nos cárceres franquistas, escrito por Vinyes. Garzón inclúe no seu auto varios testemuños achegados nestas dúas obras.
«Houbo 30.000 nenos que foron tutelados nun momento ou outro polo Estado, que montou un aparataje legal que lle permitía quedar coa tutela arrebatándolla as familias, cambiarlles os apelidos mediante a lei de 1941 para que os adoptasen adictos ao réxime ou secuestralos no estranxeiro para repatrialos», asegura Armengou.
Cando os fillos das presas cumprían tres anos debían abandonar o cárcere e adoitaban ingresar no Auxilio Social e en centros benéficos do Estado e da Igrexa católica. «Algúns terminaban nunha familia que non era a súa, non sabemos cantos», relata Armengou. «Hai casos de todo tipo, desde mulleres ás que lles quitaban aos seus fillos recentemente paridas e outros en que están de acordo con que vaian ao internado e cando salguen do cárcere xa non poden recuperalos», engade.
«Esperábase a que as mulleres embarazadas condenadas á morte tivesen o fillo, levábanllo e días despois fusilábana», explica Vinyes.
«Actualmente hai homes e mulleres que aínda viven e non coñecen a súa verdadeira identidade, quen foron os seus pais; algúns lograron recuperar o nome que lles puxeron os seus proxenitores, outros preferiron seguir levando o dos seus pais adoptivos», asegura o historiador Ricard Vinyes.
martes, 30 de septiembre de 2008
Cicatrices, de Xose Carlos Caneiro
Están de moda os quirófanos para arrancar cicatrices. Este outono, especialmente. Cambian pómulos, glúteos, senos. Colocan protuberancias nas planicies, rebaixan cumes, acicalan mandíbulas. Hai seres que buscan un lugar que arranque as cicatrices da alma. Pero non se anuncian nas páxinas dos diarios. Ninguén fala, nos cócteles e saraos, dun médico que implante a alegría nos adentros. Non importa o prezo. Eses seres en derrota, os que levan feridas na alma, pagarían para non cargar mil cicatrices. Pagarían por esquecer. É curioso o esquecemento. É canalla. Aparece coas cousas que non queres esquecer e fracasa co inesquecible. Se nos poñemos a contar o campo semántico do inesquecible encontraremos demasiados disparos. Quero dicir que as derrotas son máis difíciles de esquecer que as felicidades. Que permanecen, como lágrimas que non podes limpar. De todas as derrotas, as máis inesquecibles son as que teñen que ver coa traizón, a deslealdade, a mentira traidora. Hai outro tipo de mentiras, certamente, que non fan dano: os novelistas pasan a vida inventando mentiras. Pero hai outras que afunden o teu barco a mil quilómetros da praia, e non sabes nadar. E non hai bote salvavidas. E cando escoitas a voz do capitán gritando «sálvese quen poida», sabes que ti non vas a poder. Alí quedas, no barco fundido, preguntándote por que a mentira traidora. Por que pensabas que o amor é algo eterno. Por que rompe o que parece irrompible. Por que non podes abrazar os abrazos que marcaron a túa vida, tan inesquecibles como as derrotas. Pérdeste en preguntas que non sabes contestar. E xa non es a mesma persoa. A partir de agora, afirmas, cando escoites «sálvese quen poida», ti serás o primeiro en saltar do barco. E cando volvas á túa vida normal, en desamor, buscarás un quirófano para transplantar a tristeza. Para esquecer. Para arrancar da túa alma cicatrices. Unha. Ou mil.
Extraido de este enlace
miércoles, 24 de septiembre de 2008
Xosé Luis Franco Grande: Perfil do facha
Luns 22 de septiembre de 2008:
Medo, pesimismo e incomprensión do outro debuxan, ao meu ver, o perfil do facha. O que fai que o facha sexa un produto ou unha consecuencia da incultura xeral, incluída a incultura política e de convivencia.
O medo, o pesimismo ou a incomprensión da chamada «periferia» é para min o que mellor define a un facha. Despois de máis de trinta anos poñendo de manifesto que a modernización deste país non se tería producido sen a estreita colaboración da periferia, quedan aínda agoireiros que temen por unha «unidade» á que só eles quixeran volver.
O facha non atura ao outro. E converte en problema o obvio: que cada un se sinta a gusto sendo de onde é, xusto porque iso é o que é. Os exemplos serían múltiples: taxistas da capital que se negan a levar pasaxeiros que falen catalán -non se fose uzbeko-, campañas para que certos produtos non se compren, e un longo etcétera.
As diferentes linguas españolas son un dos grandes problemas dos fachas: medo a que aquelas suplanten a común, pesimismo sobre esta -non sobre as que teñen verdadeiros problemas-, absoluta incomprensión para entender que xa quixeran outros a riqueza da nosa diversidade. O facha é sempre simplificador.
Medo a todo: aos inmigrantes, a que vivamos sen tutelas, a que cada quen sexa o que realmente é, a que cada un afirme a súa personalidade, pois pensan que iso é negar a deles. En realidade, falta de cultura, que segue sendo o principal problema deste país. E de sentido do humor.
publicado neste enlace
